Ponteceso mellora a eficiencia e o confort da súa escola infantil cun investimento de preto de 100.000 euros

Os traballos permitirán completar o revestimento exterior do centro, mellorar o illamento térmico e crear novas zonas de sombra no patio

O Concello de Ponteceso ten xa en marcha os novos traballos para completar o revestimento exterior da escola infantil, cun investimento de preto de 100.000 euros. A actuación permitirá mellorar o illamento térmico do edificio e incrementar a súa eficiencia enerxética.

As obras contribuirán a garantir unhas condicións de maior confort para as nenas e nenos, así como para o persoal educativo, ao longo de todo o ano.

A actuación inclúe tamén a creación de novas zonas de sombra no patio, mellorando así este espazo exterior e favorecendo o seu aproveitamento, especialmente durante os meses de maior calor.

O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, agradeceu a colaboración do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para levar adiante esta actuación, que permitirá seguir mellorando as instalacións destinadas á atención e educación da primeira infancia.

Desde o Concello tamén se trasladan as desculpas ás familias polas pequenas molestias que poidan ocasionar os traballos mentres duren as obras, agradecendo a súa comprensión e colaboración.

Con esta actuación, Ponteceso continúa avanzando na mellora dos seus equipamentos públicos e na creación de espazos máis eficientes, confortables e axeitados para a infancia.