O Centro Arqueolóxico do Barbanza denuncia novos actos vandálicos nos Castros de Neixón

O Centro Arqueolóxico do Barbanza alerta da continuidade dos actos vandálicos no entorno dos Castros de Neixón, un espazo de especial valor patrimonial, histórico e natural situado no concello de Boiro.

Desde o centro arqueolóxico destacan que os Castros de Neixón constitúen moito máis ca un xacemento arqueolóxico, xa que representan un importante elemento do patrimonio de Boiro e do conxunto da comarca do Barbanza.

Porén, segundo denuncian, continúan a producirse danos en distintos elementos instalados no entorno do xacemento, entre eles sinais, paneis informativos e cartelería, que facilitan aos visitantes o coñecemento e a interpretación deste importante espazo patrimonial.

O Centro Arqueolóxico do Barbanza amosa a súa preocupación ante estas actuacións e lembra a importancia de respectar e conservar un patrimonio que pertence ao conxunto da sociedade.

A entidade reclama así unha maior concienciación e coidado destes espazos, especialmente daqueles elementos destinados a informar e sensibilizar á cidadanía sobre o valor histórico e cultural dos Castros de Neixón.

A conservación do patrimonio arqueolóxico, sinalan, require da colaboración de toda a sociedade para evitar que os actos vandálicos deterioren un lugar de referencia para Boiro e para toda a comarca do Barbanza.