O Tribunal de Instancia de Ferrol condena un militar a tres anos e nove meses de prisión por vender máis de 5.000 pastillas abortivas

A sentenza considera probado que o acusado obtivo fraudulentamente 5.040 comprimidos de Cytotec e que a súa venda puido xerar ingresos de entre 50.400 e 100.800 euros

O Tribunal de Instancia de Ferrol condenou a tres persoas por vender ilegalmente un medicamento con finalidade abortiva, tras alcanzar as partes un acordo de conformidade. O principal acusado, un militar da Armada Española, foi condenado a tres anos e nove meses de prisión por un delito contra a saúde pública e outro continuado de falsidade en documento oficial, en concurso medial cun delito continuado de estafa. Ademais, deberá pagar unha multa de 2.400 euros.

Segundo recolle a sentenza, os 5.040 comprimidos de Cytotec obtidos fraudulentamente poderían reportarlles uns ingresos de entre 50.400 e 100.800 euros, xa que cobraban entre 10 e 20 euros por pastilla.

Os outros dous acusados, a parella e o irmán do principal condenado, foron considerados cómplices do delito contra a saúde pública e recibiron penas de ano e medio e dous anos de prisión, respectivamente. Ambas as condenas quedaron suspendidas durante dous anos, condicionadas a que non volvan delinquir nese período.

Máis de 660 envíos a distintos puntos de España

O principal condenado recoñeceu que actuou coa colaboración da súa parella e do seu irmán, que ofrecían o medicamento en páxinas de anuncios de internet e a través das redes sociais. Os envíos realizábanse desde Narón a diferentes localidades españolas. Durante a investigación detectáronse arredor de 660 envíos entre febreiro de 2019 e xuño de 2023.

A resolución xudicial sinala que o militar adquiriu, entre xaneiro de 2019 e abril de 2023, un total de 5.040 comprimidos sen a intervención dos outros dous implicados.

Receitas fraudulentas para conseguir o medicamento

Ata xaneiro de 2021, o acusado conseguiu que varios médicos lle prescribisen o medicamento en ata 70 ocasións, utilizando receitas facilitadas polo Instituto Social das Forzas Armadas (ISFAS). Nalgúns casos, cubría el mesmo o nome de Cytotec nas receitas que os facultativos lle asinaban previamente, confiando en que faría un uso lexítimo delas pola súa condición de militar en activo.

A partir de febreiro de 2021, cubriu integramente outras 56 receitas, para as que empregou un selo creado fraudulentamente e imitou a sinatura dun médico.

A maxistrada tamén recolle que o acusado tratou de ocultar as súas actuacións adquirindo os envases en ata nove farmacias da provincia da Coruña. Finalmente, o titular dunha farmacia de Ferrol denunciouno en maio de 2023.

O prexuízo económico causado ao ISFAS ascendeu a 704,12 euros. A sentenza é firme e non cabe recurso contra ela.