
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, participou nunha nova xornada de sementeira de ameixa babosa promovida pola Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Barallobre, no marco das actuacións impulsadas pola Xunta de Galicia para recuperar a capacidade produtiva dos bancos marisqueiros da ría de Ferrol.
Os traballos, realizados polas propias profesionais do sector, teñen como obxectivo favorecer a recuperación do recurso e garantir a continuidade da actividade marisqueira na zona.
A intervención contempla a sementeira de exemplares de ameixa babosa (Venerupis corrugata) de talla comercial para constituír un banco de reprodutores que contribúa á recuperación natural da especie. A actuación desenvólvese baixo supervisión técnica e con criterios de sustentabilidade, mediante a distribución controlada dos exemplares nas zonas autorizadas á confraría.
### Un investimento de máis de 1,3 millóns de euros ata 2027
Esta iniciativa forma parte do convenio de colaboración asinado en xuño entre a Consellería do Mar e a Confraría de Barallobre, dotado con *1.330.185,76 euros ata 2027* e cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).
O acordo busca recuperar os bancos marisqueiros tras a elevada mortalidade de bivalvos provocada pola forte baixada da salinidade das augas durante os temporais de comezos de ano.
O convenio abrangue a rexeneración de *468.000 metros cadrados de superficie marisqueira entre Maniños e Barallobre*, así como a introdución de sete millóns de unidades de ameixa babosa, unha especie historicamente fundamental para a actividade extractiva na ría de Ferrol.
### Un plan extraordinario para recuperar os bancos marisqueiros
A actuación en Barallobre intégrase no plan extraordinario activado pola Xunta de Galicia para contribuír á recuperación dos recursos marisqueiros, que inclúe acordos de colaboración con máis dunha decena de confrarías.
No conxunto de Galicia, está prevista a sementeira de máis de 55 millóns de unidades de bivalvos, xunto con outras medidas destinadas á rexeneración dos bancos e á recuperación da capacidade produtiva das zonas afectadas.
Estas intervencións complétanse co seguimento técnico dos bancos marisqueiros e coa investigación científica desenvolvida no marco do estudo Bivaferrol, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, co propósito de mellorar o coñecemento sobre a evolución dos recursos e favorecer a recuperación sostible do marisqueo na ría de Ferrol.
