
O Concello de Carral vén de finalizar os traballos de renovación do pavimento das beirarrúas nun tramo duns 160 metros da avenida dos Mártires, co obxectivo de mellorar a accesibilidade, a seguridade e as condicións de tránsito das persoas peóns.
A intervención incluíu a colocación de novas pezas de formigón, a renovación do pavimento podotáctil, a reposición dos bordos e a mellora da sinalización horizontal. Entre estas actuacións destaca a adecuación dos pasos de peóns, co fin de favorecer unha circulación máis segura e accesible.
Os traballos contaron cun orzamento de *50.746,02 euros, IVE incluído*, e recibiron o apoio da Xunta de Galicia a través dunha subvención da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
Con esta actuación, o Concello de Carral continúa a mellorar os espazos públicos e as infraestruturas urbanas, favorecendo a mobilidade peonil e contribuíndo a crear un contorno máis seguro e accesible para a veciñanza.



