
O Centro de Saúde de Mazaricos está a ser obxecto de obras de reparación da cuberta co obxectivo de mellorar o estado de conservación do edificio e garantir unhas condicións máis axeitadas para a prestación dos servizos sanitarios á veciñanza.
Esta mañá, a técnica municipal e o tenente de alcalde, Jorge Villar, desprazáronse ata as instalacións sanitarias para supervisar sobre o terreo o avance dos traballos e comprobar o desenvolvemento da actuación.
As obras permitirán solucionar os problemas existentes na cuberta e contribuír a mellorar as condicións do inmoble, favorecendo así un espazo máis seguro e adecuado tanto para os profesionais sanitarios como para as persoas usuarias.
Con esta intervención, o Concello de Mazaricos continúa apostando polo mantemento e a mellora das infraestruturas públicas, prestando especial atención a unhas instalacións tan importantes para a atención e o benestar da cidadanía como é o Centro de Saúde.
