Alternativa Enxebre apoia o traballador municipal sancionado en Arteixo e esixe explicacións a Carlos Calvelo

Alternativa Enxebre expresou publicamente o seu apoio e solidariedade ao traballador municipal sancionado polo Concello de Arteixo e reclamou explicacións ao Goberno de Carlos Calvelo polas circunstancias que rodearon o conflito laboral.

A formación considera necesario esclarecer se a sanción puido estar relacionada coa actividade sindical do empregado e coa súa defensa dos dereitos dos traballadores. Segundo a versión do propio afectado, os feitos tiveron a súa orixe nun incidente fortuíto, sen intención de agredir ningún compañeiro.

Alternativa Enxebre tamén pide aclaracións sobre a posible vinculación política co Partido Popular do outro traballador implicado e reclama que se investigue se puido existir algún trato de favor.

Desde a formación insisten en que a actividade sindical non pode converterse nun motivo de represalia nin as afinidades políticas nunha vía para obter privilexios.

Finalmente, reclaman ao Goberno municipal transparencia, imparcialidade e igualdade de trato para todo o persoal do Concello, reiterando o seu apoio ao traballador afectado e defendendo a liberdade sindical e a dignidade dos empregados públicos.