O Concello de Padrón mellora a rede de saneamento en Prada e soluciona a contaminación da fonte do lavadoiro

O Concello de Padrón está a executar obras de mellora da rede de saneamento no lugar de Prada, cunha actuación destinada a modernizar as infraestruturas existentes, evitar vertidos de augas fecais e recuperar as condicións sanitarias da fonte do lavadoiro.

Os traballos inclúen a renovación de máis de 140 metros de canalizacións, permitindo separar as augas fecais das pluviais e substituír a rede de saneamento preexistente.

Ademais, a intervención contempla a substitución da antiga tubaxe que abastecía de auga a fonte do lavadoiro. Trátase dunha canalización de fibrocemento que discorría polo interior da rede do antigo saneamento, unha situación que provocaba a contaminación da fonte por augas fecais.

Unha vez rematada a renovación de todas as canalizacións, procederase á reposición do firme para deixar a zona nas debidas condicións.

Con esta actuación, o Concello pretende eliminar os vertidos recorrentes de augas fecais nesta contorna e garantir o saneamento da fonte do lavadoiro, mellorando así as condicións ambientais e sanitarias da zona.

A obra está financiada integramente con fondos propios municipais e enmárcase no programa de actuacións que está a desenvolver o Concello de Padrón para renovar e mellorar as infraestruturas e os servizos públicos do municipio.