O Magosto das Abaladeiras regresa a Muxía cunha tarde de tradición, música e gastronomía

Muxía prepárase para celebrar unha nova edición do Magosto das Abaladeiras, unha festa organizada polas Abaladeiras de Muxía en colaboración co Concello, que terá lugar o vindeiro sábado 14 de novembro na Lonxa de Muxía.

A xornada ofrecerá unha programación para todos os públicos, con música tradicional, actividades infantís, gastronomía e as tradicionais castañas de balde.

As actividades comezarán ás 17:00 horas cun obradoiro infantil no que os máis pequenos poderán elaborar un colgante decorativo. A participación estará limitada a un máximo de 25 prazas, que se cubrirán por orde de chegada.

Ás 18:00 horas dará comezo a foliada, na que participarán as Abaladeiras de Muxía xunto con grupos convidados do folclore galego, nunha tarde dedicada á música e á cultura tradicional.

A gastronomía tamén terá un papel protagonista coa celebración do *II Concurso de Empanadas*, aberto a todas as persoas maiores de 18 anos que desexen presentar unha elaboración artesanal, con recheo tradicional ou creativo. Cada participante poderá concorrer cunha única empanada.

As inscricións e a entrega das elaboracións realizaranse o propio sábado 14 de novembro, entre as 17:00 e as 18:00 horas, na Lonxa de Muxía. O concurso repartirá premios ás tres mellores empanadas e os resultados daranse a coñecer ás 21:00 horas.

Con esta iniciativa, as Abaladeiras de Muxía e o Concello convidan veciñanza e visitantes a compartir unha nova edición desta celebración popular, que combina tradición, música, gastronomía e convivencia nun ambiente festivo.

As castañas de balde e a boa compañía completarán unha xornada para gozar do outono en Muxía.