
A formación insta ao goberno municipal a revisar os tres reemisores de titularidade municipal e reclamar solucións ao organismo competente se a orixe das incidencias está noutras instalacións.
Compromiso Outes alerta dos problemas que se están rexistrando nos últimos días na recepción do sinal de televisión en diferentes puntos do municipio, unha situación que está a xerar malestar entre numerosas veciñas e veciños.
Desde a formación solicitan ao goberno municipal que comprobe o correcto funcionamento dos tres reemisores de televisión que dependen do Concello e que, no caso de que as incidencias non teñan a súa orixe nestas instalacións, traslade os problemas ao organismo responsable para que investigue o sucedido e adopte as medidas necesarias.
A formación considera importante identificar canto antes a orixe destas deficiencias, especialmente tendo en conta que tamén se están a rexistrar problemas de recepción noutras localidades da contorna. Por iso, reclama unha actuación coordinada que permita esclarecer o alcance das incidencias e evitar que a veciñanza continúe padecendo as consecuencias sen recibir unha resposta.
Lembran a necesidade de resintonizar a TDT
Compromiso Outes aproveita tamén para lembrar que este xoves, 5 de novembro, entra en funcionamento unha nova reorganización da Televisión Dixital Terrestre (TDT), que inclúe a incorporación de novas emisións en ultra alta definición (UHD).
Para adaptar os televisores a esta actualización será necesario realizar unha busca automática de canles ou resintonizar os aparellos desde o menú de configuración, accedendo ao apartado de canles ou sintonización e seleccionando a opción de busca automática.
Porén, a formación advirte de que esta actualización da TDT non ten por que solucionar os problemas de recepción que se están a producir en distintos lugares de Outes.
Finalmente, Compromiso Outes anima as persoas afectadas a comunicarlles as incidencias, indicando a zona ou o lugar no que se producen, co obxectivo de coñecer mellor o alcance do problema.
Desde a formación insisten en que *a televisión é un servizo básico que tamén debe chegar en condicións a todos os lugares do concello*, polo que consideran necesario que as administracións responsables actúen para garantir unha recepción adecuada do sinal.
