Alternativa levará ao Pleno da Deputación as demandas da veciñanza de Carral

A formación recolleu as peticións das distintas parroquias do municipio e reclamará solucións aos problemas de inundacións en Taramuño e a continuidade das cunetas de seguridade.

Alternativa dos Veciños de Carral trasladará ao Pleno da Deputación da Coruña varias das demandas recollidas nas visitas realizadas ás distintas parroquias do municipio, nas que a formación escoitou á veciñanza e tomou nota das súas necesidades e reivindicacións.

O presidente de Alternativa dos Veciños e deputado provincial, Ángel García Seoane, será o encargado de levar estas peticións á institución provincial, ao tratarse de cuestións que afectan a competencias da Deputación. A formación esixirá que se busquen solucións e que se atendan as necesidades trasladadas polos residentes.

Entre as principais reivindicacións figura, unha vez máis, a busca dunha solución definitiva aos graves problemas de inundacións que sofren as vivendas da zona de Taramuño, na parroquia de San Vicente. Alternativa reclama medidas que permitan resolver esta problemática e evitar que os episodios de acumulación de auga continúen afectando á veciñanza.

Así mesmo, a formación solicitará que se dea continuidade ás cunetas de seguridade, co obxectivo de mellorar as condicións da vía e garantir unha maior protección para as persoas que circulan pola zona.

Desde Alternativa dos Veciños de Carral aseguran que continuarán percorrendo as parroquias, escoitando as peticións da cidadanía e trasladándoas ás administracións competentes. A formación reafirma o seu compromiso de defender as reivindicacións veciñais e reclamar actuacións que permitan dar resposta aos problemas existentes no municipio.