
A formación reclama transparencia, unha reunión informativa co sector pesqueiro e garantías para poder presentar alegacións antes de que avance a tramitación do proxecto.
Alternativa dos Veciños de Fisterra (AVF) denunciou a falta de información e participación do sector pesqueiro local na proposta da oitava Reserva da Biosfera de Galicia, publicada en exposición pública o pasado 20 de outubro. A formación asegura que nin os seus representantes na corporación municipal nin os profesionais do mar de Fisterra recibiron información previa sobre unha iniciativa que consideran de especial relevancia para o futuro económico e social do municipio.
A proposta abrangue un amplo espazo marítimo-costeiro que parte do cabo Fisterra e inclúe o concello dentro da súa zona de influencia socioeconómica. Un ámbito que, segundo AVF, pode ter unha incidencia directa sobre actividades fundamentais para a localidade, como a pesca, o marisqueo, a acuicultura, a navegación e a comercialización dos produtos do mar.
Desde a formación consideran inaceptable que se impulsen iniciativas que afectan directamente ao mar, á frota e aos profesionais do sector sen facilitarlles previamente información nin contar coa súa opinión. «A participación non pode ser unha formalidade. Se se quere falar de desenvolvemento sostible, hai que escoitar primeiro a quen vive do mar», sinalan.
AVF lembra que a propia documentación da proposta recoñece o peso económico, laboral e histórico da pesca, o marisqueo e a acuicultura no territorio, ademais de contemplar un modelo de gobernanza no que deberían estar representados os sectores produtivos, as entidades locais e a poboación.
Por este motivo, a formación considera incoherente que o sector pesqueiro de Fisterra non recibise unha comunicación expresa, información específica nin unha convocatoria para coñecer os detalles da iniciativa e valorar as súas posibles consecuencias.
### Tres demandas para garantir a participación
Ante esta situación, Alternativa dos Veciños solicita que se facilite toda a documentación existente no expediente relativa ás posibles afeccións sobre a actividade pesqueira, que se convoque unha reunión informativa específica cos profesionais do mar de Fisterra e que se garanta un prazo suficiente para presentar alegacións e propostas.
A formación insiste en que Fisterra non pode quedar á marxe das decisións que afectan ao seu principal recurso económico e á súa identidade como vila mariñeira.
Finalmente, AVF anuncia que tamén presentará alegacións e anima o sector pesqueiro, mariscador, a pesca recreativa e a veciñanza en xeral a participar no proceso. Ademais, ofrece facilitar modelos de alegacións a todas aquelas persoas interesadas en trasladar as súas consideracións.
«Exiximos transparencia, información e participación real. Non unha Reserva da Biosfera decidida de costas á xente do mar e do noso territorio», conclúe a formación.
