O alumnado de FP Dual de ASPABER visita a Canteira Olveiro para coñecer os procesos da industria extractiva

O alumnado de Formación Profesional Dual da Asociación ASPABER realizou unha visita formativa á Canteira Olveiro, pertencente a Construcciones López Cao e situada entre os concellos de Carballo e Malpica, unha das instalacións industriais de referencia da comarca de Bergantiños.

Durante a xornada, os estudantes puideron coñecer de primeira man o funcionamento dunha explotación mineira a ceo aberto e os distintos procesos de transformación da rocha para a produción de áridos destinados ao sector da construción.

A visita permitiu tamén percorrer o complexo industrial da canteira, onde o alumnado coñeceu as instalacións de fabricación de aglomerado asfáltico, formigón e solo-cemento, así como os sistemas de aproveitamento e reutilización de materiais.

A experiencia serviu para achegar os estudantes á realidade dunha actividade industrial na que conflúen os coñecementos técnicos, o uso de maquinaria especializada, os procesos produtivos e os controis de calidade, ademais da importancia da optimización dos recursos.

Desde ASPABER destacan o valor deste tipo de iniciativas dentro da Formación Profesional Dual, xa que permiten complementar os coñecementos adquiridos na aula cun contacto directo coas empresas e cos profesionais do sector, facilitando que o alumnado coñeza os equipamentos, os procesos de traballo e as competencias necesarias para a súa futura incorporación ao mercado laboral.

A asociación quixo agradecer a colaboración de Construcciones López Cao por facilitar o acceso ás súas instalacións e, especialmente, a atención recibida por parte de David, a quen trasladaron o seu recoñecemento pola súa amabilidade, dispoñibilidade e profesionalidade durante a visita.

Unha xornada formativa que permite ao alumnado de ASPABER ampliar coñecementos e achegarse ao funcionamento real da actividade industrial na comarca de Bergantiños.