A formación reclama ao Concello a posta en marcha do método CER e medidas urxentes para garantir o benestar dos gatos.
UCIN Boiro denuncia a situación de abandono na que se atopa unha colonia felina situada nas inmediacións do centro de saúde do municipio, onde conviven gatos adultos e mesmo crías de curta idade, algúns dos cales chegan a acceder ao interior das propias instalacións sanitarias.
Segundo denuncia a formación, os traballadores do centro xa trasladaron ao Concello a necesidade de implantar o método CER (Captura, Esterilización e Retorno), unha ferramenta fundamental para controlar de maneira ética e responsable as colonias felinas. Porén, aseguran que ata o momento non recibiron resposta ás súas peticións.
UCIN Boiro critica que, lonxe de ofrecer solucións, a única actuación visible foi a colocación de carteis nos que se prohibe alimentar os animais, sen que se acompañase esta medida dun programa alternativo de atención e control da colonia.
A formación lembra que esta situación non é nova. Xa en decembro de 2025 presentara unha proposta para desenvolver un plan integral de protección felina, que incluía a instalación de casetas-refuxio e o apoio municipal á aplicación do método CER. Porén, denuncian que aquela iniciativa tampouco obtivo resposta por parte do Goberno local.
Neste sentido, UCIN Boiro lembra que a Lei 7/2023, de protección dos dereitos e o benestar dos animais, establece a responsabilidade das administracións locais na xestión das colonias felinas, contemplando medidas como a alimentación controlada, a esterilización e o seguimento dos animais.
Desde a formación consideran que prohibir a alimentación sen ofrecer unha alternativa de xestión non resolve o problema e reclaman unha actuación municipal planificada, coordinada e respectuosa co benestar animal.
**UCIN Boiro esixe ao Concello que actúe dunha vez por todas**, poña en marcha o método CER, habilite espazos de refuxio e garanta unhas condicións dignas para os animais desta colonia felina.
A formación insiste en que a protección animal require compromiso institucional, planificación e solucións reais, non silencio nin medidas illadas.
