
A formación nacionalista denuncia o deterioro de dous grandes parches de asfalto en Conlle, na parroquia de Serantes, e reclama unha solución definitiva para garantir a seguridade viaria.
O BNG de Laxe volve poñer o foco no estado da rede viaria e reclama á Xunta de Galicia unha actuación urxente na estrada Laxe–Ponte do Porto, concretamente no tramo situado á altura de Conlle, na parroquia de Serantes.
Segundo denuncia a formación nacionalista, neste punto da vía existen dous grandes parches de asfalto que presentan un importante deterioro e que levan demasiado tempo sen recibir unha reparación axeitada. Unha situación que, advirten, pode comprometer a seguridade das persoas usuarias desta estrada.
Desde o BNG de Laxe consideran que non abonda con realizar arranxos provisionais que, co paso do tempo, volven deteriorarse. Por iso, xa trasladaron á Xunta de Galicia a súa reclamación para que se proceda á reparación do firme e se adopte unha solución definitiva que permita circular en condicións adecuadas de seguridade.
A formación insiste na necesidade de que a Administración autonómica atenda as demandas veciñais e actúe sen máis demoras nunha vía utilizada habitualmente pola veciñanza da zona.
**«Menos parches e máis solucións»** é a reivindicación coa que o BNG de Laxe resume a súa demanda: unha estrada en condicións, mantemento adecuado e seguridade para todas as persoas usuarias.
