O alcalde de Santa Comba rende a batalla nas xerais e asegura que o PP gañará, mentres augura que o PSOE arrasará nas municipais

O alcalde de Santa Comba, Alberto Romar Landeira (PSOE), sorprendeu coas súas declaracións durante un pleno municipal ao dar por feita a vitoria do Partido Popular nas próximas eleccións xerais, mentres asegurou que os socialistas «van arrasar» nos comicios municipais de 2027.

Unhas palabras que deixan unha lectura política cando menos rechamante: o rexedor parece asumir a derrota socialista no ámbito estatal, pero móstrase convencido dun triunfo contundente do seu partido en Santa Comba.

As declaracións chegan nun contexto no que a súa xestión municipal está rodeada de controversias e preguntas pendentes de explicación. Entre os asuntos que xeraron debate figuran os conflitos coas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), as relacións cos sindicatos, a polémica arredor dun membro de Protección Civil e a compatibilidade da dedicación exclusiva á Alcaldía co mantemento de seis actividades económicas privadas, autorizada mediante acordo plenario.

Esta situación abre tamén un interrogante sobre a posición das direccións provincial, autonómica e estatal do PSOE. ¿Como valora o partido que un dos seus alcaldes dea practicamente por perdida a batalla das xerais mentres proclama unha futura vitoria esmagadora no seu municipio?

E, sobre todo, ¿vai seguir o PSOE mirando cara a outro lado ante as controversias que afectan ao goberno de Santa Comba ou reclamará explicacións ao seu rexedor?

Porque antes de anunciar que vai arrasar nas municipais, a veciñanza tamén merece respostas sobre a xestión do Concello.