Muros, un barco á deriva: falta de respostas, recortes na atención social e problemas sen resolver

O Concello de Muros acumula asuntos pendentes que están a xerar preocupación entre a veciñanza. A falta de respostas sobre a implantación do servizo HADO, a redución das horas de atención no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e o peche da Ponte de Evaristo, en Esteiro, sitúan novamente a xestión municipal no centro das críticas.

Onte coñecíase que Muros Centrado presentara unha denuncia ante a Comisión da Transparencia pola falta de resposta do goberno local ás súas solicitudes de información sobre as xestións realizadas para implantar o servizo HADO. Unha cuestión sobre a que a veciñanza e os representantes municipais teñen dereito a recibir explicacións.

Pero as preocupacións non rematan aí. Segundo se coñeceu a través doutro medio de comunicación, a imposibilidade de cubrir as baixas de seis traballadores do Servizo de Axuda no Fogar obrigou ao Concello a reducir as horas de atención ás persoas usuarias. Unha situación especialmente delicada, xa que afecta directamente a persoas que precisan asistencia no seu día a día e ás súas familias.

Mentres tanto, en Esteiro, a Ponte de Evaristo continúa pechada, sen que a veciñanza vexa unha solución ao problema. Os residentes desta parroquia tamén denuncian a falta de actuacións e unha sensación de abandono que vai máis alá desta infraestrutura.

Tres cuestións diferentes, pero cunha mesma pregunta de fondo: que está facendo o goberno municipal para resolver os problemas que afectan aos muradáns?

**Gobernar non consiste unicamente en saír na fotografía ou en adoptar decisións de cara á galería.** Tamén implica dar explicacións, atender as necesidades sociais, manter as infraestruturas en condicións e responder ás demandas da cidadanía.

As prohibicións e os anuncios poden ocupar titulares, pero a xestión diaria esixe algo máis: traballo, planificación e solucións.

Os salarios dos responsables municipais páganse cos impostos de todos os muradáns. Por iso, a veciñanza ten dereito a esixir resultados, transparencia e responsabilidades. Porque Muros non pode permitirse navegar sen rumbo mentres os problemas seguen acumulándose.