
A veciña de Camelle, Xeila Romaní Búa, foi recoñecida nos Premios Galicia do Consello Galego da Arquitectura Técnica polo seu traballo de fin de grao, nun certame que distingue a calidade e o talento das novas xeracións de profesionais do sector.
Graduada pola Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Universidade da Coruña (UDC), Xeila Romaní recibiu un accésit polo seu Traballo de Fin de Grao (TFG), centrado na rehabilitación dun edificio de uso residencial situado no número 16 da rúa Ferrol, na cidade da Coruña.
O inmoble, de estética racionalista, foi obxecto dun estudo orientado á súa rehabilitación e recuperación arquitectónica. O traballo contou coa titorización de Carlos José Mantiñán Campos.
Este recoñecemento supón un motivo de orgullo para Camelle e para a súa contorna, ao poñer en valor o esforzo, a formación e a capacidade dunha nova profesional vinculada á Costa da Morte, que comeza a destacar no ámbito da arquitectura técnica galega.
