
Unha paciente denuncia a situación vivida hoxe no Hospital Abente y Lago da Coruña, onde tiña programada unha consulta co servizo de Oftalmoloxía tras levar sete meses agardando por unha cita.
Segundo relata, despois de esperar aproximadamente unha hora na sala de espera, unha traballadora comunicoulles que non podían ser atendidos debido á folga de médicos.
Ante esta situación, os pacientes tiveron que desprazarse a outra oficina e agardar novamente na cola para solicitar unha nova cita. Finalmente, asignáronlle outra data: o vindeiro *18 de decembro*.
A afectada amosa a súa indignación polo sucedido e cuestiona a situación das listas de espera da sanidade pública, especialmente cando, tras meses de demora, unha consulta acaba sendo suspendida e aprazada de novo.
«A sanidade vai ben, as listas de espera xa non o son tanto… Madia leva! Isto non fai máis ca empeorar», manifesta no seu relato.
A paciente tamén explica que decidiu facer pública a súa experiencia porque considera que presentar unha reclamación por escrito pode acabar sen recibir resposta.
A súa mensaxe remata cunha reivindicación clara: *«Quen teña poder para solucionalo, que o solucione. Coa saúde non se xoga»*.
Un novo testemuño que pon o foco nas consecuencias que as demoras e as cancelacións de consultas teñen para os pacientes da sanidade pública.
