VIMIANZO INVESTE MÁIS DE 130.000 EUROS EN NOVA MAQUINARIA E EQUIPAMENTOS PARA MELLORAR OS SERVIZOS MUNICIPAIS

O Concello de Vimianzo realizou un investimento de **130.433,36 euros na adquisición de maquinaria e novos equipamentos** destinados a reforzar os servizos municipais e mellorar a capacidade de resposta ante as necesidades da veciñanza.

Entre as novas incorporacións figuran un dúmper usado, un rodillo vibrante, unha biotrituradora e unha pinza con rotor. Tamén se adquiriron un equipo de desatascos, unha bomba centrífuga somerxible, un localizador de avarías, unha estación de medida e novos equipos de iluminación.

Segundo explica o goberno municipal, estas adquisicións permitirán axilizar os traballos de mantemento, mellorar o estado dos camiños, atender incidencias e conservar os espazos e as infraestruturas públicas.

O investimento busca dotar o persoal municipal de máis medios materiais e autonomía para desenvolver o seu traballo, mellorando así a prestación dos servizos nas **14 parroquias e nos 133 núcleos de poboación** do municipio.

Desde o Concello destacan que a renovación dos medios materiais debe ir acompañada do labor dos traballadores municipais, aos que consideran fundamentais para transformar estes recursos nunha mellor atención á cidadanía.