
O Teatro Colón acollerá o vindeiro mércores 10 de setembro, ás 20.30 horas, o concerto de Capercaillie, unha das bandas máis recoñecidas da música celta a nivel internacional. A actuación forma parte da segunda edición do ciclo Folk no Colón, promovido polo Concello da Coruña co obxectivo de dar visibilidade á música folk galega e internacional.
A formación escocesa chega por vez primeira a Galicia para celebrar os seus 40 anos de traxectoria, cun espectáculo que combina os temas máis emblemáticos da súa carreira coas novas versións sinfónicas incluídas no seu último traballo, ReLoved, gravado coa BBC Scottish Symphony Orchestra. A actuación promete unha noite única de melodías hipnóticas, ritmos tradicionais e unha posta en escena marcada pola forza e a elegancia da súa vocalista, Karen Matheson, descrita por Sean Connery como «unha gorxa tocada por Deus».
Desde a súa orixe nas Highlands de Escocia, Capercaillie foi pioneira na internacionalización da música tradicional gaélica. Ao longo da súa carreira, lanzaron máis de dez discos, venderon máis dun millón de copias e ofreceron concertos en máis de 30 países, incluíndo actuacións en espazos tan singulares como o Amazonas ou os Xardíns Colgantes de Babilonia.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, salientou que «a inclusión de Capercaillie neste ciclo supón un fito para a cidade e reforza a aposta do Goberno de Inés Rey por consolidar o Colón como un espazo de referencia para as músicas de raíz». Castro engadiu que «Folk no Colón naceu co obxectivo de reivindicar as nosas raíces musicais e darlles o espazo que merecen. Nesta segunda edición medramos en ambición, incorporando tamén propostas internacionais que comparten coa nosa cultura musical unha identidade atlántica común».
O ciclo Folk no Colón comezou no mes de maio con Treixadura e Abraham Cupeiro, e continuará ao longo do outono con nomes destacados como Milladoiro, Tiruleque, Felisa Segade, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre e Carlos Núñez.
As entradas para o concerto de Capercaillie están dispoñibles na plataforma Ataquilla.com