
San Vicente de Elviña vivirá esta fin de semana as súas festas de barrio, cunha ampla programación de actividades para todos os públicos que se desenvolverán entre o sábado 6 e o domingo 7, organizadas pola asociación veciñal coa colaboración do Concello.
A primeira xornada arrincará coa realización dun mercado ecolóxico que terá lugar na rúa Rebandas das 9.00 ás 15.00 horas. Entre medias, haberá un pasarrúas a cargo da agrupación folclórica Aturuxo e xa ás 14.00 horas terá lugar a lectura do pregón con Ignacio Bermúdez e Os do Furancho de Elviña. Pola tarde, estarán Pulpiño Viascón, haberá inchables para as e os máis pequenos e xa pola noite volverá a música con DJ Takesound e o prato forte do día, a actuación da orquestra Los Platinos, ás 22.00 horas.
O domingo 7, ás 12.00 horas, o ritmo de inicio marcarao a Banda Municipal, que actuará antes da sesión vermú. Xa pola tarde, festa da espuma a partir das 17.00 horas e, ao final da xornada, ás 20.00 horas, a actuación de José Brea.
A Falperra, próxima parada das festas nos barrios
As festas nos barrios da Coruña arrincaron o pasado mes de maio, cun calendario de 21 citas en total entre os diversos distritos da cidade.
Este ano, a novidade estivo no formato de financiamento. En xaneiro abriuse o prazo para que as entidades veciñais presentasen os seus proxectos e memorias, e optasen a un máximo de 20.000 euros por asociación e celebración. O investimento total do Concello é de 500.000 euros, ao que se suma o apoio loxístico que lles presta o propio consistorio ás entidades.
Agora, con 16 festas xa realizadas e as de San Vicente de Elviña a piques de comezar, restan outras catro por vivir: as da Falperra (13-14 de setembro), Monte Alto (20 de setembro), Cidade Vella (3-4-5 de outubro) e O Ventorrillo (9-10-11-12 de outubro).