O BNG arroupou a concentración en defensa dunha atención primaria digna e de calidade celebrada en Baio

A mobilización, que foi convocada por SOS Sanidade Pública, acolleu a medio cento de persoas diante do centro de saúde

O deputado Oscar Insua manifesta que “o PP como pode dicir que o servizo se presta con normalidade, se hoxe mesmo no centro médico de Baio daban cita para dentro de dúas semanas? É un escandalo, e ademais minten sen avergonzarse”

Baio (Zas), 13 de abril de 2026. Con motivo da celebración do Día Mundial da Atención Primaria, a plataforma SOS Sanidade Pública convocou á veciñanza da comarca a unha concentración celebrada este luns 13 de abril, ás 13:00 horas, diante do centro de saúde de Baio, no municipio de Zas, e que foi arroupada por diversos cargos do BNG na comarca.

Ao acto, enmarcado nun conxunto de mobilizacións nunha vintena de concellos galegos, acudiron medio cento de persoas, que reclamaron unha sanidade digna e de calidade, e expresaron o seu malestar pola falta de persoal médico en centros da atención primaria da bisbarra e os recortes sanitarios da Xunta de Galiza. 

Entre os asistentes estiveron o deputado do BNG pola Costa da Morte e Bergantiños, Oscar Insua; así como o alcalde de Zas, Manuel Muíño; o responsábel comarcal do BNG, Xurxo Rodríguez; e representantes do BNG de diferentes localidades da bisbarra.

Na concentración, a portavoz de SOS Sanidade Pública, Ana Lestón,  dou lectura a un manifesto no que se denunciou  o proceso de desmantelamento que está a sufrir a Atención Primaria na nosa comarca.  E criticouse a “falta alarmante” de profesionais, especialmente no caso da pediatría, o que obriga a que as nenas e nenos teñan que desprazarse fóra do seu concello para seren atendidos. Unha situación “inaceptable”, que pon en evidencia o abandono do rural por parte da administración sanitaria.

Oscar Insua afirmou que  “hai que esixirlle ao PP menos recortes na sanidade e máis atención ás zonas rurais. O dos pediatras na comarca é escandaloso, fomentan que os pais e nais acaben indo á privada. E hoxe mesmo comprobamos como un doente pediu uha cita en Baio, e déronlle para dentro de dúas semanas, cando a consellería aseguraba que todo funcionaba con normalidade. Consideramos entón normal que o médico de cabeceira che atenda dentro de 10 días?”.

O BNG indicou a situación de carencia de especialistas en pediatría nos centros de saúde de Camariñas, Carnota, Dumbría, Fisterra, Muxía e Zas, así como na demanda de cobertura da praza dun dos médicos de familia no centro médico desta última localidade.

Os nacionalistas lembraron as diferentes iniciativas parlamentarias para reclamar melloras sanitarias promovidas polo deputado Oscar Insua; a última foi presentada a semana pasada, na que urxía ao goberno galego a prover as cinco prazas de pediatría vacantes na Costa da Morte.

MANIFESTO

MANIFESTO NO DÍA DIA INTERNACIONAL DA ATENCIÓN PRIMARIA. (12 de abril.)
A ATENCIÓN PRIMARIA DEBE MELLORAR A SAÚDE DA POBOACIÓN E A
RACIONALIDADE DO SISTEMA SANITARIO, PERO CARECE DO APOIO POLÍTICO
NECESARIO PARA SOBREVIVIR.
Os sistemas sanitarios orientados á Atención Primaria teñen unha maior esperanza de vida, menores
taxas de mortalidade, mellor control das enfermidades crónicas e garanten un funcionamento eficiente do
resto do sistema sanitario.
Porén, a Atención Primaria en Galicia atravesa unha grave crise por falta de apoio político e de recursos
suficientes. Son ben coñecidos os problemas para contactar cos centros de saúde, as longas esperas para
recibir atención, a substitución das consultas presenciais por telefónicas, as dificultades nas interconsultas
hospitalarias e a carencia de profesionais necesarios para ofrecer unha atención integral baseada na
promoción, prevención e atención comunitaria.
A espera media para acceder aos centros de saúde supera os 10 días, chegando en moitos casos a máis de 15
días; milleiros de nenas e nenos carecen de pediatra; e o persoal abandona a Atención Primaria pola
precariedade laboral, mentres se incorporan profesionais sen formación especializada, poñendo en risco o
modelo sanitario público.
Como consecuencia deste deterioro, dispáranse os casos graves, colapsan as urxencias hospitalarias,
empeora o prognóstico das enfermidades e aumenta o sufrimento das persoas, ao tempo que se favorece o
recurso á sanidade privada.
Dende a Plataforma SOS Sanidade Pública Costa da Morte denunciamos o proceso de desmantelamento que
está a sufrir a Atención Primaria na nosa comarca.
A falta de profesionais é alarmante, especialmente no caso da pediatría, o que obriga a que as nenas e nenos
teñan que desprazarse fóra do seu concello para seren atendidos. Esta situación é inaceptable e evidencia o
abandono do rural por parte da administración sanitaria.
As listas de agarda para unha consulta médica superan incluso os 15 días, impedindo unha atención axeitada
e a tempo. A política sanitaria do señor Rueda non lle dá ningunha prioridade ao rural, deixando centros de
saúde, como o de Zas, con prazas médicas sen cubrir e sobrecargando ao único profesional dispoñible.
Pero na Costa da Morte tamén temos un hospital comarcal en Cee onde servizos imprescindibles para a
cidadanía da Costa da Morte coma Hospitalización a domicilio ou Psiquiatría, son totalmente insuficientes e
dende a Xerencia da Coruña, lonxe de dotar de máis recursos, limita o crecemento dos mesmos.
A Atención Primaria necesita cambios e melloras para saír da crise. Dende a Plataforma SOS
Sanidade Pública de Galicia, esiximos:

  1. Incrementar os recursos da AP ata o 25% do orzamento sanitario (está no 14%).
    2.- Garantir a accesibilidade, e a continuidade asistencial con máis profesionais: Medicina de
    Familia, Pediatría, Enfermaría, Saúde Mental, Fisioterapia, Traballo Social, Saúde Buco Dental, Logopedia,
    Persoal Administrativo, Matronas, entre outros, para dar unha Atención Integral nos Centros de Saúde.
    3.-Unha política de persoal xusta e incentivadora, con oposicións anuais ata completar as
    prazas vacantes na actualidade.
  2. Combater o abuso da medicalización e a burocracia innecesaria.
  3. Reorientar a atención primaria cara á Saúde en lugar da enfermidade, desenvolvendo
    estratexias de saúde comunitaria.
  4. Que a atención que se presta dende a Hospitalización a Domicilio (HADO), sexa por
    criterios sanitarios e non por distancia ao Hospital de Referencia. Por riba de estar máis lonxe do Hospital
    non reciben este servizo.
  5. Asegurar a formación e a investigación de calidade en todas as categorías de persoal.
  6. Incentivar a Participación Cidadá, ca posta en marcha do Consello de Saúde de Galicia e os
    Consellos de Saúde de Área Sanitaria.
  7. Prestar especial atención á saúde mental e ás persoas maiores.
    Dende a Plataforma SOS Sanidade Pública Costa da Morte, facemos un chamamento á mobilización
    social e profesional para defender e fortalecer a Atención Primaria, especialmente no rural, e esixir unha
    sanidade pública de calidade, accesible e universal para toda a cidadanía.
    Sanidade pública e de calidade!!