O BNG pedirá explicacións no Parlamento polos recursos mobilizados tras a rotura da balsa de Monte Neme

O deputado do BNG pola Costa da Morte e Bergantiños, Óscar Insua, formulará este mércores 15 de abril unha pregunta na Comisión 1ª Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento de Galicia para coñecer os recursos activados e as actuacións levadas a cabo tras a emerxencia provocada pola rotura dunha balsa na antiga mina de Monte Neme, situada entre os concellos de Malpica e Carballo.

O incidente produciuse a finais de xaneiro, cando o colapso dunha das balsas provocou unha riada de auga, lodos e materiais mineiros que arrastrou toneladas de residuos monte abaixo, chegando a afectar infraestruturas e obrigando a cortar unha estrada da contorna.

Segundo a información solicitada polo BNG, o aviso inicial ao 112 Galicia produciuse arredor das tres da madrugada por parte dunha veciña, aínda que as actuacións dos servizos de emerxencia non se activaron ata varias horas despois, un feito que será tamén obxecto de análise na Cámara galega.

A formación nacionalista pretende esclarecer que medios foron mobilizados desde o primeiro momento, así como a coordinación entre os distintos servizos implicados e os tempos de resposta ante unha situación que xerou preocupación na comarca.

O suceso reavivou o debate político arredor da xestión da antiga explotación mineira de Monte Neme, un enclave catalogado desde hai anos como potencialmente perigoso polo risco de impacto ambiental. Tanto o BNG como outras forzas da oposición teñen denunciado reiteradamente a falta de medidas preventivas e control sobre a zona, especialmente tras rexistrarse episodios semellantes no pasado.

Con esta iniciativa parlamentaria, Óscar Insua busca obter información detallada sobre a actuación da Xunta durante a emerxencia e depurar posibles responsabilidades na xestión dun accidente que volveu poñer o foco na seguridade e na restauración ambiental de Monte Neme.