
Veciños da parroquia de Niñóns, no municipio de Ponteceso, amosan o seu malestar pola que consideran unha falta de empatía e solidariedade por parte dos servizos sociais municipais cara a un veciño da zona en situación vulnerable.
Segundo relatan, trátase dunha persoa con discapacidade —cunha minusvalía nun pé— que estaría atravesando dificultades importantes no seu día a día. Grazas á intervención de Cáritas de Neaño, o veciño conseguiu recentemente acceso a unha vivenda en Niñóns, o que supuxo unha mellora na súa situación habitacional.
Porén, os problemas continúan. O afectado solicitou axuda ao Concello de Ponteceso sen obter, segundo denuncian os residentes, resposta algunha ata o momento. Un dos principais obstáculos é a mobilidade: o veciño dispoñía dun vehículo sen carné que lle foi retirado ao esixírselle a adaptación do mesmo ás súas condicións físicas, requisito que actualmente non pode asumir.
Ante esta situación, a solidariedade veciñal está a ser clave. Son numerosos os residentes de Niñóns e doutras zonas do concello os que se están mobilizando para prestarlle apoio, xa sexa mediante alimentos, axuda económica ou colaboración en tarefas cotiás.
Os veciños reclaman unha maior implicación dos servizos sociais municipais e instan ao Concello a dar resposta ás necesidades deste residente, subliñando a importancia dunha atención máis próxima e humana para as persoas en situación de vulnerabilidade.