A Deputación inviste máis de 145.000 euros en converter os concellos en museos ao aire libre a través do muralismo

A Deputación da Coruña concedeu definitivamente o programa de axudas DP0040, destinado especificamente á realización de eventos de arte pública urbana na modalidade de pintura mural. Cunha partida total de 145.850,37 euros, a institución provincial reafirma o seu compromiso coa cultura de vangarda e a transformación estética do territorio.

Este programa ten como obxectivo principal apoiar os concellos na organización de festivais e certames que utilicen a pintura mural como ferramenta de dinamización turística e social. Grazas a estas subvencións, diversas fachadas e espazos públicos da provincia transformaranse en lenzos de gran formato, promovendo a recuperación de contornas urbanas e achegando a arte contemporánea á veciñanza de xeito gratuíto e accesíbel.

O vicepresidente e deputado de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira, destacou a importancia desta liña de subvencións para contribuír a unha disciplina «que permite visualizar un produto turístico atractivo» e dirixido a un tipo de visitante ao que non se daba tanta atención hai uns anos.

Froito deste cambio de tendencia, a arte urbana «é un soporte para a creación artística en cada vez máis concellos da nosa provincia, que xa é unha referencia dentro e fóra das nosas fronteiras», subliñou Regueira.

Entre as iniciativas beneficiarias nesta edición destacan citas xa referentes a nivel internacional como o Rexenera Fest de Carballo ou o Cromatico Mural Fest de Cambre. Así mesmo, o programa apoiará proxectos de gran valor cultural como o Viladomar en Rianxo, o programa As Pontes enPEZAS e as intervencións artísticas no concello de Ordes, un dos pioneiros do muralismo en Galiza.

As subvencións concedidas cobren até o 80% do orzamento subvencionábel de cada evento, permitindo aos gobernos locais contratar a artistas de renome e organizar actividades paralelas que fomenten o espírito crítico e a identidade local a través da imaxe.

  • Concellos beneficiarios e contías
  • A continuación detállanse as axudas concedidas para o exercicio 2026:
  • Concello de Carballo (Rexenera Fest 2026): 35.000,00 €
  • Concello de Ordes (Evento de Arte Pública 2026): 32.221,15 €
  • Concello das Pontes de García Rodríguez (As Pontes enPEZAS 2026): 28.784,23 €
  • Concello de Cambre (Cromático Mural Fest 2026): 27.924,99 €
  • Concello de Rianxo (Viladomar 2026): 21.920,00 €
  • Investimento total do programa: 145.850,37 €