Carballo, referente estatal en divulgación científica tras acadar a máxima puntuación na convocatoria Marie Curie da UE

O Concello de Carballo consolídase como un referente estatal na democratización do coñecemento. O concelleiro de Innovación, Fondos Europeos, Formación, Emprego e Axenda Urbana, Iván Andrade, falou este venres en Madrid na xornada Vocacións científicas sen fronteiras: rompendo barreiras sociais e territoriais, organizada por Pint of Science España e na que participaron representantes do CSIC e do Ministerio de Juventud e Infancia.

Iván Andrade fixo a súa exposición no bloque dedicado a Políticas públicas para a equidade, no que se analizou como a dispersión xeográfica e a vulnerabilidade social limitan o acceso á ciencia, e como o “modelo Carballo” está a romper estas barreiras. Un dos exemplos máis recentes é o fito acadado polo noso concello na última convocatoria das Accións Marie Sklodowska-Curie (MSCA) e Cidadáns da Unión Europea.

O proxecto carballés, denominado TALK0 (Talento de quilómetro cero), logrou a máxima puntuación posible (15 sobre 15), e ademais Carballo foi o único concello de toda Europa beneficiario desta liña de axudas. Este recoñecemento internacional avala a estratexia local de conectar a ciencia co territ

orio e poñer en valor o talento dos investigadores da zona para fomentar vocacións entre a infancia e a mocidade.

Durante a súa intervención na capital, o concelleiro de Innovación subliñou que “é fundamental crear referentes científicos de proximidade”. O modelo de Carballo aposta por romper as barreiras tradicionais da divulgación, por levar o coñecemento científico ao ámbito rural e por establecer alianzas con asociacións, empresas e outras institucións públicas. “Este éxito de 15 sobre 15 é un impulso para seguir traballando na visibilización do noso talento local”, afirmou Iván Andrade.

O Pint of Science regresa a Carballo en maio

Como proba deste compromiso coa divulgación accesible, Iván Andrade anunciou tamén a nova edición do festival internacional Pint of Science, que terá lugar os días 18, 19 e 20 de maio, e que nesta edición terá como escenarios a cafetería do Pazo da Cultura, o bar Mercado e a cervexaría Marabú.

Investigadores e investigadoras locais, que presentaremos nas vindeiras semanas, compartirán os seus avances coa veciñanza, e contribuirán a posicionar Carballo como un espazo onde a ciencia non só se estuda nas universidades, senón que se vive e se comparte na rúa.