
Este ano convidámoste a unha auténtica viaxe cultural arredor do Día do Libro. Ademais da música, arredor da cal xira a programación da Semana do Libro e a Lectura con actividades para toda a rapazada, desde a Concellaría de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística queremos que participes noutras dúas iniciativas que terán como fío condutor as letras galegas e a memoria local.
A memoria que camiña: Cándido Alfonso González Tiradas
A primeira cita lévanos de volta ás nosas raíces. Cándido Alfonso González Tiradas foi un carballés que tivo que emigrar, un xornalista e escritor que soubo poñerlle palabras ao seu tempo. Naceu no anos 1905, nunha casa da rúa do Muíño, e a súa pluma foi o espello de moitas realidades que hoxe conforman quen somos.
Para celebrar os 120 anos do seu nacemento quixemos facer unha celebración especial, pero o mal tempo impedíunolo en novembro. Así que recuperamos a proposta aproveitando a primavera e festexaremos ese aniversario cunha ruta viva. Iremos desde a rúa na que se situaba a súa casa natal ata a que leva o seu nome, guiados polo saber de Hadrián Pérez. O final será pura maxia: o alumnado da Aula de Teatro Municipal dará vida ás súas palabras cunha lectura dramatizada. Un xeito de que Cándido volva pasear por Carballo a través dos ollos da xente.
Agardámoste o mércores 22 de abril, ás 19.00 horas, para saír de ruta e coñecer un pouco mellor a un dos nosos veciños ilustres. A participación é libre e de balde. Só tes que estar puntual na rúa do Muíño.
Unha proposta sen idade: “Lemos o que nos peta”
O 23 de abril, no Día do Libro, queremos que as Escolas do Xardín se enchan de voces. O título xa o di todo: “Lemos o que nos peta”.
Non importa se tes 8 ou 80 anos, se o que che move é un poema clásico ou unha novela actual; a idea é que calquera persoa —sexa cal sexa a súa idade— poida compartir un anaco de texto en galego. Alí estaremos con Tone Martínez ás 17:00 h, simplemente polo pracer de escoitarnos e de reivindicar que a lectura é, ante todo, algo que nos fai felices.
Achégate! A participación é libre.