‘T-Rex’ gaña o máximo galardón na 13ª edición de Carballo Interplay

O festival Carballo Interplay, dedicado ás narrativas seriadas nacidas no entorno dixital, pechou este domingo a súa décimo terceira edición co anuncio do palmarés da súa competición internacional de series de formato curto, consolidando unha vez máis a súa aposta polas novas formas de creación audiovisual.

O Premio á Mellor Serie, dotado con 800 euros e trofeo, foi para T-Rex (Canadá, 2024). A ficción, de ton íntimo e emocionalmente contido, segue a tres amigos da infancia durante unha fin de semana nunha cabana. A partir desta convivencia, a obra constrúe un retrato xeracional que explora a amizade masculina, as feridas non verbalizadas e as tensións arredor da masculinidade contemporánea. O xurado destacou a solidez dunha proposta que aposta pola sutileza e polos vínculos como motor narrativo.

Pola súa banda, o Premio á Mellor Dirección, dotado con 200 euros, recaeu en Ruby (Francia, 2025), unha serie queer de superheroínas que parte dunha ruptura sentimental para desenvolver un relato sobre identidade, viralidade e transformación. A produción combina estética pop, códigos do xénero superheroico e sensibilidade camp, conectando de maneira directa cos códigos propios de internet.

O Premio do Público, con unha dotación de 400 euros, foi para The Struggle for Existence – S2 (Dinamarca, 2025), unha comedia que aborda con ironía e humor incómodo os dilemas da vida adulta e os novos modelos de masculinidade. A serie mantén ademais un vínculo especial co festival, xa que a súa primeira tempada formara parte previamente da Sección Oficial.

Na categoría do Xurado Novo, o galardón foi para Eyes In The Woods (Canadá, 2025), unha proposta de misterio paranormal queer ambientada nun bosque onde se entrelazan segredos, desexo e elementos sobrenaturais, nun relato que transita entre o coming-of-age e o thriller fantástico.

Máis alá dos premios, o festival ofreceu unha programación diversa centrada na Sección Oficial, xunto a actividades destacadas como o preestreo en Galicia de Millennial mal e a presentación de Epidemia Invisible, proxecto gañador do Premio á Produción de Contido Dixital en Galego na pasada edición.

O Xurado Oficial estivo composto por Benja Villegas, Raquel Piñeiro e Irene Pin, mentres que o Xurado Novo estivo integrado por Belén Teiga, Aira Portos e Antón Lorenzo.

Así mesmo, Carballo Interplay entregou os seus galardóns dedicados á creación dixital en galego: Miradenovo foi recoñecido como Mellor Canal e @Antontisimo como Mellor Creadora ou Creador. O Premio á Produción de Contido Dixital en Galego, dotado con 3.000 euros, foi para Crossbooking Castelao, un microdrama inspirado na obra do autor galego.

Organizado polo Concello de Carballo e Turismo de Carballo, con produción de Cósmica, o festival conta co apoio da Xunta de Galicia, a través de AGADIC, e da Deputación da Coruña. Con esta edición, Carballo Interplay reafirma o seu papel como plataforma de impulso para novas voces dixitais e punto de encontro para a creación seriada internacional.