A Laracha revalida as súas Bandeiras Azuis e consolida o seu compromiso co medio ambiente

O Concello da A Laracha volve situarse entre os referentes en sustentabilidade e coidado do entorno tras coñecerse os galardóns de 2026 outorgados pola Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor. Un ano máis, o municipio suma importantes distintivos que recoñecen a calidade ambiental e o compromiso coa conservación.

Entre os recoñecementos destaca a renovación da Bandeira Azul para a praia de Caión, un símbolo de excelencia que avalía aspectos como a calidade das augas, a seguridade, os servizos e a xestión ambiental.

Ademais, o Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar obtén novamente a distinción como Centro Azul de Educación Ambiental, consolidándose como un espazo clave para a divulgación e sensibilización sobre o patrimonio natural e etnográfico da zona.

A estes galardóns súmase o Sendeiro Azul do Sendeiro de Saldoiro, recoñecido anteriormente e que continúa sendo un exemplo de posta en valor dos espazos naturais a través dun uso sostible e responsable.

Desde o Concello subliñan que estes logros, que se repiten ano tras ano, manteñen intacto o seu valor, xa que son froito dun traballo constante baseado no compromiso ambiental, o coidado do territorio e a calidade dos servizos ofrecidos.

Así mesmo, destacan o papel fundamental da veciñanza e das persoas visitantes, cuxo comportamento responsable resulta clave para preservar estes espazos. “Son recoñecementos que pertencen a todos e todas”, sinalan fontes municipais, incidindo na importancia de continuar traballando de maneira conxunta para mellorar e conservar o entorno natural.

A Laracha reafirma así a súa aposta por un modelo de desenvolvemento sostible, no que a protección do medio ambiente e o goce responsable dos recursos naturais van da man.