
O Concello de Ponteceso contará este verán con catro praias distinguidas coa Bandeira Azul: A Ermida, Balarés, O Osmo e, como novidade, Niñóns. Deste xeito, o municipio acada o recoñecemento para o 100 % dos areais que presentou a esta convocatoria, consolidando o seu compromiso coa calidade ambiental, os servizos e a seguridade.
O alcalde, José Manuel Mato, destacou que a incorporación de Niñóns supón “un fito no que se levaba tempo traballando”, e puxo en valor o esforzo continuo realizado polo Concello. “Isto é o resultado dun traballo constante de planificación e mantemento”, sinalou, engadindo que contar con catro Bandeiras Azuis “reverte directamente na veciñanza e tamén na hostalaría local”.
O rexedor tamén quixo recoñecer o labor do concelleiro de Obras, Constantino Fernández, así como do persoal municipal implicado nestas tarefas. Ademais, subliñou o papel “esencial” do coordinador do GES de Ponteceso, Rubén Pérez, no proceso de consecución destes distintivos.
En relación coa praia de Niñóns, Mato lembrou que en 2025 foi obxecto dunha actuación de mellora centrada na accesibilidade. Entre as intervencións realizadas destaca a instalación dunha zona de sombra de madeira, pensada especialmente para facilitar o uso do espazo a persoas con mobilidade reducida ou de idade avanzada.
De cara ao futuro, o alcalde asegurou que o obxectivo do goberno local é “seguir nesta mesma liña”, apostando pola mellora continua dos servizos e pola execución de novas actuacións que permitan manter estas distincións nos vindeiros anos.
Con estas catro Bandeiras Azuis, Ponteceso reafírmase como un destino costeiro de referencia, que combina calidade ambiental, accesibilidade e servizos para todos os públicos.