
A preocupación entre os veciños de Arteixo medra coas queixas difundidas nas redes sociais polo deterioro das pasarelas de madeira da praia do Praia do Rañal e polo estado da ponte de madeira do paseo fluvial da zona.
Numerosos usuarios alertan do perigo que supón o actual estado destas infraestruturas xusto ás portas do verán, cando aumenta considerablemente a afluencia de visitantes e bañistas. Nunha das publicacións compartidas nas redes pode lerse: “Ollo, chega o verán e o paseo á praia do Rañal, un perigo. Aí o deixo aos responsables…”.
As denuncias fan referencia a táboas levantadas, madeira deteriorada e zonas inestables nas pasarelas que dan acceso ao areal, unha situación que, segundo os veciños, leva tempo sen recibir solución por parte das administracións responsables.
Ademais, tamén se acumulan as críticas pola situación da ponte de madeira situada no paseo fluvial, que permanece acordonada desde hai meses. Segundo explican os residentes, a estrutura afundiuse parcialmente nun dos laterais e continúa sen repararse. “Esperarán a que se desplome toda”, lamenta outro dos comentarios difundidos nas redes sociais.
Os veciños reclaman unha actuación urxente para garantir a seguridade das persoas que transitan diariamente pola zona, especialmente ante a chegada da tempada estival, cando o entorno do Rañal recibe un maior número de visitantes.


