Baiuca, primeira gran confirmación do San Xoán de Carballo 2026

O San Xoán de Carballo xa ten a súa primeira gran aposta musical para este 2026: Baiuca actuará a noite do 24 de xuño nunha das citas máis esperadas das festas. A confirmación chega poucos días despois da presentación oficial do cartel desta edición, obra da artista local Isa Bermúdez.

O proxecto liderado por Alejandro Guillán converteuse nos últimos anos nun fenómeno internacional grazas á súa innovadora mestura de música tradicional galega e electrónica de vangarda. Baiuca chega ademais a Carballo nun momento especialmente destacado da súa carreira, coincidindo coa xira de despedida do aclamado álbum Barullo, traballo que consolidou ao artista como unha das referencias da mestizaxe musical contemporánea.

O concerto promete ser un dos pratos fortes do programa festivo. Sobre o escenario, Baiuca presentarase en formato banda acompañado por algúns dos nomes máis recoñecidos da música tradicional galega. Entre eles estarán Xosé Lois Romero nas percusións tradicionais, as cantareiras e pandeireteiras Alejandra Montero e Andrea Montero, así como a voz de Antía Muíño, unha das artistas revelación da nova escena galega. O apartado visual correrá a cargo do cineasta Adrián Canoura, responsable da estética experimental que acompaña habitualmente os directos do proxecto.

Nos últimos doce meses, Baiuca vendeu preto de 30.000 entradas coa súa xira de salas e comezou este 2026 coa publicación de Barullo Remixes, unha versión máis orientada á música club do seu universo sonoro. Tras a tempada de festivais, o artista prevé facer unha pausa para centrarse na preparación do seu cuarto álbum de estudo.

Con esta primeira confirmación, o San Xoán de Carballo reafirma a súa aposta por unha programación cultural que combina tradición e modernidade, consolidándose como unha das citas festivas máis atractivas do verán galego.