O BNG sumouse á manifestación contra a planta de biogás na Laracha

Na mobilización participaron a senadora Carme da Silva, os deputados no Parlamento galego Oscar Insua e Mercedes Queixas, así como outros cargos institucionais dos nacionalistas na comarca 

A Laracha, 9 de maio de 2026. O BNG sumouse á manifestación celebrada este sábado 9 de maio na Laracha para amosar o total rexeitamento ao proxecto de planta de biogás na parroquia de Soandres.

Entre os membros do BNG que participaron na mobilización, que foi convocada pola plataforma Stop Biogás A Laracha, estiveron a senadora Carme da Silva; os deputados no Parlamento galego Oscar Insua e Mercedes Queixas; o alcalde de Carballo Daniel Pérez, acompañado doutros cargos da corporación carballesa; a portavoz municipal do BNG da Laracha, Carolina Castiñeiras; así como concelleiros do BNG de Laxe, Ponteceso, Malpica e Arteixo.

Carolina Castiñeiras declarou que «hoxe de novo a veciñanza da Laracha e arredores volvemos dicir NON de maneira contundente a este macroproxecto depredador e contaminante”.

A voceira nacionalista na Laracha sinalou que “desde o BNG, tanto comarcal como nacional, reivindicamos que este non pode ser o modelo de industrias que asentemos no noso país. Precisamos dunha lexislación para as plantas de biogás que promova a economía circular e redunde nun verdadeiro beneficio, económico e ambiental, para quen aposta por vivir no rural».