O Concello de Laxe impulsa a mellora da senda entre Santa Rosa e Soesto

O alcalde de Laxe, Paco Charlín, e o equipo de goberno municipal continúan avanzando na posta en valor dos espazos naturais do municipio coa posta en marcha dun novo proxecto de mellora da senda municipal que conecta Santa Rosa coa praia de Soesto.

Trátase dunha actuación considerada estratéxica polo executivo local, xa que permitirá reforzar a conservación, a seguridade e a accesibilidade dunha das zonas naturais máis visitadas e emblemáticas da vila.

Os traballos previstos inclúen a renovación do firme da senda, a instalación dunha nova pasarela peonil de madeira, a recuperación de elementos deteriorados polo paso do tempo e a colocación de medidas destinadas a impedir o acceso de vehículos a este entorno natural, co obxectivo de garantir a súa protección e conservación ambiental.

Desde o Concello destacan que esta iniciativa forma parte da aposta do goberno municipal por mellorar os espazos públicos, fomentar un turismo sostible e ofrecer infraestruturas de maior calidade tanto á veciñanza como ás persoas visitantes.

O executivo local reafirma así o seu compromiso cun modelo de municipio máis coidado, accesible e preparado para o futuro, no que a protección do patrimonio natural continúa sendo unha prioridade.