
A Xunta de Galicia deu luz verde ao proxecto para a construción dunha nova senda peonil na estrada AC-424 ao seu paso por Corme, cun investimento total de 565.000 euros. A actuación permitirá conectar os núcleos de Corme Porto e Corme Aldea, mellorando a seguridade viaria e fomentando unha mobilidade máis sostible na zona.
O proxecto contempla a creación dunha infraestrutura pensada para facilitar o tránsito seguro dos peóns nun treito especialmente transitado, reforzando así a accesibilidade entre ambos núcleos de poboación.
O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, agradeceu publicamente o interese e a implicación da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, destacando que esta actuación permitirá “reforzar a seguridade viaria en Corme”.
A iniciativa enmárcase nas actuacións impulsadas pola Xunta para mellorar as infraestruturas viarias e promover desprazamentos máis seguros e sostibles nos concellos galegos.