A Comisión de Festas presenta un avance do cartel musical das verbenas de San Xoán en Carballo

A Comisión de Festas de Carballo deu a coñecer un avance da programación musical das verbenas de San Xoán, unha proposta deseñada para chegar a públicos de todas as idades e gustos musicais. O cartel deste ano aposta por combinar o prestixio das formacións históricas coa innovación visual e técnica dos espectáculos de última xeración.

A programación festiva, que como é habitual se desenvolverá ao longo de todo o mes de xuño, arrancará oficialmente o martes 23 de xuño coa tradicional Noite de San Xoán. A emblemática celebración contará coa actuación da orquestra Compostela, encargada de poñer ritmo a unha das noites máis agardadas do calendario festivo local co seu coñecido repertorio de baile.

A xornada completarase coa presenza de Señora Dj, que achegará unha proposta contemporánea e festiva para prolongar a celebración arredor da gran cachela popular prevista na zona do Rego da Balsa.

O mércores 24 de xuño, día grande das festas de San Xoán, o protagonismo será para Panorama City. A formación, considerada un referente dos espectáculos de gran formato, desembarcará en Carballo cunha posta en escena marcada pola innovación técnica, os efectos visuais e un repertorio centrado nos grandes éxitos do pop e da música de baile.

A actuación de Panorama City converterase ademais no complemento perfecto para o concerto de Baiuca, unha das citas musicais máis destacadas desta edición.

O programa continuará o xoves 25 de xuño coa presenza dunha das orquestras máis emblemáticas de Galicia: Los Satélites. A histórica formación coruñesa, recoñecida pola súa elegante sección de ventos e polo seu estilo inconfundible, compartirá escenario con La Última Legión.

Esta última banda, moi vinculada ao gusto do público local, ofrecerá un espectáculo centrado no pop-rock nacional e nas versións de grandes clásicos, nun directo pensado para conectar con varias xeracións.

Desde a organización destacan que o obxectivo desta programación é manter viva a esencia das festas de San Xoán ao tempo que se dinamiza a economía local e se impulsa a participación tanto da veciñanza como das persoas visitantes.

A Comisión de Festas avanzou tamén que nas próximas semanas continuará desvelando novas actividades e actuacións que completarán o programa festivo deste ano.