
Por José Luis Calo
Xa non caben escusas. Xa non valen os silencios administrativos nin as respostas ambiguas. Existe un rexistro oficial presentado ante a Xunta de Galicia o pasado 25 de abril de 2026, dirixido á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, no que se alertaba de posibles riscos para a seguridade infantil na escola A Galiña Azul do Saltiño, en Boiro.
A documentación presentada incluía denuncias, probas de risco, escritos veciñais e comunicacións formais que advertían dunha situación que requiría atención urxente e inmediata. Non se trataba dun comentario informal nin dunha crítica política nas redes sociais. Era unha advertencia rexistrada oficialmente pola vía administrativa, con entrada recoñecida pola propia Xunta de Galicia.
E, malia iso, non houbo reacción.
Cando unha administración recibe unha denuncia relacionada con menores de idade, con posibles riscos eléctricos, humidades, deterioro estrutural e condicións insalubres, a obriga moral e política é actuar con urxencia. Non facelo supón unha irresponsabilidade gravísima.
A Xunta sabía o que estaba a ocorrer. O Concello de Boiro tamén. Ambos tiveron coñecemento formal da situación e, pese a iso, as familias continuaron levando cada mañá aos seus fillos e fillas a un centro cuestionado polo seu estado de conservación.
Isto xa non é só deixadez. É unha demostración alarmante de como a burocracia e a indiferenza institucional poden converterse nun perigo real.
Resulta indignante escoitar discursos políticos sobre protección á infancia mentres as alertas oficiais quedan acumulando po nun despacho. Canto tempo necesita unha administración para reaccionar cando se fala de nenos e nenas? Que protocolo están esperando activar? O de despois dunha desgraza?
A política perde toda credibilidade cando ignora as denuncias preventivas e só aparece cando o problema estala publicamente.
E aquí tamén debe sinalarse con claridade a responsabilidade do alcalde de Boiro. Un rexedor municipal non pode limitarse a mirar cara outro lado mentres existe unha alarma social crecente arredor dun centro infantil do seu municipio. Gobernar implica asumir responsabilidades, anticiparse e protexer á cidadanía, non agocharse detrás de competencias compartidas.
As familias merecen respostas. Os menores merecen seguridade. E Boiro merece institucións que reaccionen antes de que sexa demasiado tarde.
Desde UCIN Galicia seguiremos denunciando esta situación ata que existan actuacións reais e visibles. Porque cando se xoga coa seguridade dos nenos e nenas, o silencio institucional tamén se converte nunha forma de neglixencia.