A PLATAFORMA AMBULANCIA COSTA DA MORTE MEDICALIZADA DENUNCIA 21 ANOS DE INXUSTIZA SANITARIA

A PLATAFORMA AMBULANCIA COSTA DA MORTE MEDICALIZADA denuncia a histórica falta dunha ambulancia medicalizada terrestre para a nosa comarca e lembra que, no ano 2005, a segunda ambulancia medicalizada da provincia da Coruña estaba inicialmente prevista para Carballo.

Aquel recurso, coñecido como AM-750, fora contemplado para atender as necesidades asistenciais da Costa da Morte. Porén, unha decisión política de última hora modificou o seu destino e acabou sendo asignado á cidade da Coruña.

Desde aquela, a Costa da Morte continúa reclamando un servizo esencial para garantir unha atención de emerxencias en condicións de igualdade.

21 ANOS AGARDANDO POR UNHA SOLUCIÓN

O máis grave desta situación é que a necesidade dunha ambulancia medicalizada para a nosa comarca xa era coñecida hai máis de dúas décadas.

A Plataforma considera inadmisible que, despois de tantos anos, sigan existindo promesas, explicacións e solucións provisionais, mentres a poboación continúa sen contar cun recurso terrestre medicalizado propio.

A dispersión xeográfica, as distancias e as características das estradas da Costa da Morte fan imprescindible contar cunha unidade de soporte vital avanzado con base na comarca.

A NOVA CONTRATACIÓN DO 061 DEBE SER UN PUNTO DE INFLEXIÓN

A elaboración dos novos pregos do 061 representa unha oportunidade que non se pode desaproveitar.

A Plataforma reclama á Xunta de Galicia que deixe de mirar para outro lado e incorpore dunha vez por todas unha ambulancia medicalizada terrestre para a Costa da Morte.

Non estamos falando de privilexios nin de reivindicacións políticas. Estamos falando de saúde, de igualdade asistencial e de vidas humanas.

A Costa da Morte non pode seguir sendo unha comarca de segunda en materia sanitaria.

A Plataforma esixe respostas, compromisos concretos e solucións inmediatas.

21 ANOS SON DEMASIADOS. A COSTA DA MORTE PRECISA A SÚA AMBULANCIA MEDICALIZADA XA!