
A Autoridade Portuaria da Coruña vén de comezar os traballos de restauración do emblemático Faro do Roncudo, situado na localidade de Corme, no municipio de Ponteceso. Esta actuación supón un paso importante na conservación dun dos símbolos máis recoñecibles da Costa da Morte.
O proxecto foi deseñado co obxectivo de respectar ao máximo a contorna natural na que se atopa o faro, garantindo ao mesmo tempo a súa posta en valor. As intervencións previstas permitirán mellorar tanto a seguridade como a accesibilidade do espazo, facilitando o seu desfrute por parte da veciñanza e das persoas visitantes.
Dende o Concello de Ponteceso destacaron a importancia desta actuación, agradecendo á Autoridade Portuaria da Coruña a súa total predisposición e colaboración para facer realidade esta mellora. A restauración do Faro do Roncudo contribuirá non só á preservación do patrimonio, senón tamén á dinamización turística e cultural da zona.
O Faro do Roncudo, coñecido pola súa contorna de forte valor paisaxístico e pola tradición percebeira, consolídase así como un referente que combina historia, natureza e desenvolvemento sostible.








