
As actuacións, cun orzamento total de 130.000 euros, desenvolveranse nos núcleos de Vilar de Outes, Fontelos e Áspera para mellorar a seguridade viaria e facilitar o acceso aos servizos de transporte escolar e do centro de día.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Outes, Francisco Calo Abelleira, asinaron un convenio de colaboración para financiar a renovación do pavimento de varias vías municipais nos núcleos de Vilar de Outes, Fontelos e Áspera.
O proxecto conta cun investimento total de 130.000 euros, dos que a institución provincial achegará 104.000 euros, o 80 % do orzamento, mentres que o Concello de Outes asumirá os 26.000 euros restantes.
A actuación de maior envergadura executarase en Fontelos, onde se renovará o firme dunha vía de 500 metros de lonxitude e catro metros de ancho. Os traballos contemplan a reparación das fochancas existentes e a posterior aplicación dunha capa de aglomerado en quente de seis centímetros de espesor.
Unha solución similar aplicarase nun treito de 140 metros da estrada que comunica Áspera coa AC-550 a través da zona do Oasis, onde tamén se procederá á renovación do pavimento.
Pola súa banda, en Vilar de Outes intervirase en catro treitos de vías municipais que suman unha lonxitude total de 205 metros. Neste caso, instalarase un pavimento de formigón de 15 centímetros de espesor sobre unha base de grava compactada. Ademais, incorporaranse franxas lonxitudinais e transversais de lastros.
As obras responden ao avanzado estado de deterioro que presentan actualmente estes viais e teñen como obxectivo mellorar as condicións de circulación e a seguridade da veciñanza.
A renovación dos firmes facilitará tamén os desprazamentos a pé e mellorará o acceso do transporte escolar, así como dos vehículos encargados de trasladar as persoas usuarias do centro de día, contribuíndo así a mellorar a mobilidade e os servizos nos tres núcleos do municipio.
