
A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, reuniuse coa Asociación de Mulleres do Sector Pesqueiro SEO Fisterra-Ría de Muros-Noia para coñecer os seus proxectos e ofrecer apoio técnico ao desenvolvemento de novas iniciativas.
**OUTES.** A Deputación da Coruña destacou o papel das mulleres do sector pesqueiro na conservación dos recursos mariños, na protección da ría e na creación de novas oportunidades laborais vinculadas ao mar durante unha visita á Aula Sostible do Freixo, en Outes.
A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, mantivo un encontro coa Asociación de Mulleres do Sector Pesqueiro SEO Fisterra-Ría de Muros-Noia, no que puxo en valor o traballo da entidade para promover a sustentabilidade, facilitar o acceso á formación e impulsar novas vías de emprego no litoral.
Durante a reunión, Capelán coñeceu diferentes iniciativas promovidas pola asociación arredor da economía circular e da protección do medio mariño, así como os proxectos que desenvolve en colaboración co Concello de Outes, a Asociación MISELA e outros colectivos sociais.
A deputada salientou a importancia de incorporar a experiencia e o coñecemento das mulleres do mar ao deseño de novas actividades económicas e á defensa dos recursos da ría, e destacou o papel das asociacións como motores de dinamización social e profesional no ámbito pesqueiro.
Neste sentido, puxo o equipo técnico da Área de Mar e Medio Rural da Deputación á disposición da entidade para asesorala no desenvolvemento dos seus proxectos. «É fundamental estar preto das asociacións, coñecer as súas necesidades e acompañalas para que poidan desenvolver os seus proxectos», sinalou.
Capelán agradeceu a acollida da asociación e expresou o seu interese en regresar ao Freixo para visitar os bancos da ría e coñecer de primeira man o traballo que se desenvolve neste ámbito.
**425.000 euros en subvencións para actividades e investimentos**
No encontro, a deputada informou tamén das dúas convocatorias de subvencións da Área de Mar e Medio Rural previstas para 2027, que contarán cunha dotación global de 425.000 euros.
A primeira liña, identificada como DP0042A/2027, está destinada a financiar actividades de asociacións de mulleres e asociacións veciñais. A segunda, DP0042B/2027, diríxese a apoiar investimentos promovidos por entidades sen ánimo de lucro.
Estas axudas buscan reforzar o labor das entidades sociais, favorecer o desenvolvemento de iniciativas no territorio e contribuír á dinamización das comunidades vinculadas ao mar e ao medio rural.
