
A actuación contempla un itinerario peonil accesible, unha nova glorieta na intersección coa N-VI e accesos máis seguros ao centro Padre Menni. As obras, cun prazo de execución de 12 meses, prevén comezar no primeiro semestre de 2027.
A Xunta de Galicia licitou por máis de 1,4 millóns de euros as obras de mellora da seguridade viaria e da accesibilidade peonil na estrada AC-542, ao seu paso pola parroquia de Infesta, no concello de Betanzos. A intervención afectará a un tramo de 2,4 quilómetros, entre a conexión coa AC-840 e o enlace coa autovía A-6, e busca reforzar a seguridade dos vehículos e, especialmente, dos peóns.
As empresas interesadas en executar os traballos poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 17 de decembro, segundo recolle a licitación publicada na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia. A previsión da Administración autonómica é adxudicar e iniciar as obras durante o primeiro semestre de 2027, cun prazo de execución de doce meses.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, e a directora xeral da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, deron conta da contratación desta actuación, que pretende transformar este treito nunha vía máis segura, accesible e integrada no seu contorno.
Un itinerario peonil continuo e unha nova glorieta
Entre as principais actuacións previstas figura a creación dun itinerario peonil continuo e accesible ao longo do tramo, así como a construción dunha nova glorieta na intersección coa estrada N-VI. Esta infraestrutura permitirá ordenar os movementos de tráfico e mellorar a seguridade nun punto especialmente sensible da vía.
O proxecto tamén contempla a construción dun novo viario de acceso ao centro asistencial Padre Menni, co que se eliminará o actual cruzamento regulado por semáforos. Ademais, ampliarase o paso superior sobre a vía ferroviaria para garantir a continuidade do percorrido peonil e mellorar as condicións de accesibilidade.
A intervención completarase coa habilitación de novos pasos de peóns, o reforzo da iluminación e da sinalización e a implantación de medidas de calmado do tráfico nos puntos de maior risco.
Resposta ás demandas da veciñanza
O proxecto é resultado dun proceso de diálogo coa veciñanza de Infesta, co centro asistencial Padre Menni e coa asociación Stop Accidentes. As achegas destes colectivos incorporáronse ao deseño da actuación para atender as necesidades das persoas que utilizan diariamente esta estrada, tanto para desprazamentos entre núcleos de poboación como para acceder a servizos asistenciais.
A intervención enmárcase, ademais, no convenio que a Xunta mantén con Stop Accidentes para impulsar novas medidas de prevención e defensa da seguridade viaria.
Con esta licitación, o Goberno galego busca avanzar na mellora da rede viaria autonómica e priorizar actuacións que favorezan a seguridade, a accesibilidade e a calidade de vida da cidadanía.
