
A Deputación da Coruña e a CMAT, a asociación de turismo da Costa da Morte, mantiveron unha reunión para analizar o estado actual do Parque do Megalitismo e os avances dun proxecto estratéxico para a posta en valor do patrimonio cultural e o desenvolvemento turístico da comarca.
No encontro participaron o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Penas; o presidente da CMAT e alcalde da Laracha, José Manuel López Varela; e a concelleira de Dumbría e vogal da CMAT, María Lema Santabaya.
Durante a reunión, abordouse a evolución dos traballos necesarios para avanzar na posta en marcha do parque. Segundo explicou Xosé Penas, a Deputación xa asinou o convenio con Estudo Técnico Galego para realizar as expropiacións necesarias. Ademais, están a iniciarse as actuacións relacionadas coa sinalización dos elementos patrimoniais, un paso importante para facilitar a súa identificación e preparar a organización das futuras visitas.
As entidades participantes destacaron a importancia do Parque do Megalitismo como recurso cultural, patrimonial e turístico para a Costa da Morte. A iniciativa busca dar a coñecer a riqueza megalítica do territorio, mellorar a súa conservación e difusión e contribuír á creación dunha oferta turística vinculada á historia e á identidade local.
A posta en funcionamento do parque permitirá ampliar e diversificar os atractivos turísticos da comarca, favorecendo a chegada de visitantes interesados no patrimonio e xerando novas oportunidades para os concellos implicados. Deste xeito, o proxecto aspira a contribuír á dinamización económica e turística do territorio.
A Deputación e a CMAT tamén salientaron a importancia da colaboración entre as administracións públicas e o sector turístico local para impulsar iniciativas que poñan en valor os recursos propios da comarca. Ambas as entidades reafirmaron a súa vontade de continuar traballando conxuntamente para avanzar no desenvolvemento do parque e reforzar a súa proxección como un dos referentes patrimoniais da Costa da Morte.
