
O Concello de Vimianzo celebra a Semana da Biblioteca con dúas sesións de contacontos dirixidas ao público infantil, co obxectivo de fomentar o gusto pola lectura desde as primeiras idades.
A Biblioteca Municipal de Vimianzo acolleu esta mañá unha sesión de contacontos a cargo de Anxo Moure, quen estivo acompañado pola rapazada da Escola Infantil Municipal Os Vimianziños. Durante a actividade, os máis pequenos gozaron da historia O carballo con botas, unha proposta que combina a narración oral coa aprendizaxe e o contacto coa natureza.
Pola súa banda, o Auditorio da Casa da Cultura foi escenario dunha segunda sesión protagonizada por Raquel Queizás, que presentou Raposadas ao alumnado da Escola de Educación Infantil (EEI) de Carantoña e do CEIP San Vicenzo. A través desta proposta, os escolares puideron achegarse a novas historias e aventuras, descubrindo o valor dos libros como fonte de coñecemento, creatividade e diversión.
Estas dúas actividades enmárcanse na programación da Semana da Biblioteca e buscan espertar o interese pola lectura entre a infancia, promovendo o hábito lector a través de experiencias participativas e adaptadas ás idades dos asistentes.
As iniciativas están financiadas pola Xunta de Galicia, a través do programa Ler conta moito, destinado a impulsar a lectura e a dinamización das bibliotecas.
