O Concello de Muros reforza o mantemento da contorna da AC-550 entre Louro e Muros

O plan de mantemento do Concello de Muros continúa avanzando en diferentes puntos do municipio con novas actuacións destinadas a mellorar o estado dos espazos públicos e garantir unhas condicións axeitadas de seguridade e accesibilidade.

Nos últimos días, unha empresa especializada levou a cabo diversos traballos de mantemento na contorna da estrada comarcal AC-550, no tramo que comunica Louro e Muros. As actuacións centráronse principalmente nos miradoiros, nas áreas de descanso e no paseo peonil que une ambas localidades.

Estes traballos buscan mellorar o estado de conservación destes espazos, moi frecuentados tanto pola veciñanza como polas persoas que visitan o municipio, ao tempo que se favorece unha contorna máis coidada e segura para os peóns.

A concelleira de Obras, Laura Rivadeneira, salienta a importancia de manter unha planificación continuada das intervencións municipais. “O mantemento do concello require un traballo constante e planificado. Con este tipo de actuacións seguimos mellorando espazos moi transitados, facendo que sexan máis seguros, accesibles e agradables”, sinala.

Desde o Concello destacan que este tipo de actuacións forman parte dun plan de mantemento que se está desenvolvendo de maneira progresiva en diferentes puntos do municipio, coa finalidade de atender as necesidades dos espazos públicos e mellorar a súa conservación.