
O BNG denuncia problemas nos comedores dos CEIP Plurilingüe Castelao e Mesón do Vento, onde a falta de persoal está a obrigar parte do alumnado a levar un bocadillo da casa para xantar.
A falta de persoal de cociña nos CEIP Plurilingüe Castelao e Mesón do Vento, no municipio de Ordes, está a provocar alteracións no funcionamento dos comedores escolares. Segundo denuncia o BNG de Ordes, a situación chegou ao punto de que, nalgúns casos, o alumnado ten que levar un bocadillo da casa para poder xantar.
A formación nacionalista responsabiliza á Consellería de Educación dunha deficiente planificación na cobertura dos postos de traballo destes centros. Segundo explica, os procesos de estabilización do persoal levaban catro anos pendentes e a Administración decidiu executar as tomas de posesión en pleno curso escolar, sen prever os mecanismos necesarios para garantir a continuidade do servizo.
Esta situación está a provocar cambios nos menús, dificultades organizativas e problemas no funcionamento diario dos comedores, afectando tanto ao alumnado como ás familias e aos equipos educativos.
Desde o BNG consideran que estas incidencias eran evitables cunha planificación adecuada e reclaman á Consellería de Educación unha solución inmediata que permita cubrir as prazas necesarias e recuperar a normalidade nos dous centros.
A formación tamén trasladou o seu apoio ás direccións dos colexios, ás ANPAS, ao persoal dos comedores e ás familias afectadas, insistindo na necesidade de garantir recursos suficientes para que os servizos complementarios da educación pública funcionen con normalidade.
O problema volve poñer sobre a mesa a importancia dunha planificación administrativa que teña en conta as necesidades reais dos centros educativos e evite que as consecuencias das decisións da Administración acaben recaendo sobre o alumnado e as súas familias.
