
A actuación permitirá recuperar a conexión entre a lagoa e o mar e favorecer a renovación da auga
A maquinaria necesaria para acometer a reapertura da canle de Baldaio xa se atopa na zona e, segundo informa o Concello de Carballo, está previsto que os traballos comecen mañá, xoves.
A intervención ten como principal obxectivo recuperar a conexión entre a lagoa e o mar, unha actuación que permitirá favorecer a renovación da auga e mellorar as condicións ambientais deste espazo natural de gran valor. Ademais, a medida poderá contribuír á recuperación da actividade marisqueira na zona.
A actuación responde ao acordado na xuntanza mantida entre a Xunta de Galicia, a Demarcación de Costas do Estado e o Concello de Carballo, na que se estableceu a reapertura da canle como un primeiro paso imprescindible para avanzar na recuperación de Baldaio.
Desde o Concello de Carballo sinalan que seguirán traballando e reclamando a coordinación entre as distintas administracións para dar continuidade ás actuacións necesarias e avanzar cara a unha solución estable e duradeira para o espazo natural de Baldaio.
A reapertura da canle supón así un novo paso para recuperar o equilibrio ambiental da lagoa e sentar as bases para a recuperación progresiva das actividades vinculadas a este enclave.