A oposición acusa a Alberto Romar de «faltar á verdade» no pleno e de evidenciar unha xestión sen rumbo en Santa Comba

O último pleno do Concello de Santa Comba deixou unha nova mostra da crecente tensión política entre o goberno municipal e a oposición. Esta última acusa ao alcalde, Alberto Romar, de ofrecer unha versión da realidade que «non se corresponde cos feitos» e de intentar trasladar aos veciños a responsabilidade de problemas que, segundo sostén, son consecuencia directa da súa propia xestión.

Un dos primeiros asuntos que xerou polémica foi a gardería municipal. A oposición denuncia o silencio do alcalde sobre a devolución dunha subvención de preto de 300.000 euros, concedida pola Consellería de Política Social durante o anterior mandato. Consideran que perder este financiamento supón unha oportunidade desperdiciada para mellorar un servizo fundamental para as familias de Santa Comba e critican que o rexedor evitase asumir explicacións políticas sobre o sucedido.

Durante o pleno, Alberto Romar volveu insistir en que herdou un Concello cunha débeda de dous millóns de euros. Porén, a oposición sostén que esa afirmación é enganosa, xa que esa situación respondería a subvencións e certificacións de obras pendentes de cobrar ao non seren xustificadas en prazo. Segundo explican, unha vez regularizados os expedientes, as diferentes administracións abonaron os importes correspondentes, polo que consideran que o alcalde utiliza ese argumento para xustificar a súa xestión.

Os datos económicos, segundo a oposición, desmenten ademais o discurso do goberno. Lembran que o remanente negativo de tesourería ao peche de 2022 era de apenas 26.082 euros, mentres que ao finalizar 2023 xa alcanzaba os 2,82 millóns de euros. Para a oposición, resulta contraditorio responsabilizar exclusivamente ao anterior executivo cando foi baixo o actual mandato cando se produciu ese forte deterioro das contas municipais.

Outro dos asuntos que provocou críticas foi a situación da Fervenza de Castriz. A oposición asegura que se trata dun dos espazos naturais máis visitados do municipio e denuncia que presenta un evidente estado de abandono, con falta de mantemento e conservación. Critican que, en lugar de anunciar actuacións concretas para recuperar este enclave, o alcalde desviase o debate falando de especies vexetais autóctonas, evitando responder ao problema principal.

Tamén houbo reproches pola negativa do goberno municipal a autorizar o uso do pavillón de Castriz para celebrar a comida popular da parroquia ante a previsión de choiva. Finalmente, ese día rexistrouse unha intensa tromba de auga, circunstancia que, segundo a oposición, demostra que a decisión foi errónea e evidencia o afastamento do alcalde respecto ás necesidades das parroquias do municipio.

A oposición tamén cuestionou o que considera unha dobre vara de medir. Mentres o alcalde mostrou unha especial preocupación por evitar que se fumase nun recinto durante un evento, nada comentou —segundo denunciaron— sobre a presenza e venda de bebidas alcohólicas durante a retransmisión do Mundial na Fontenla, pese a tratarse dun recinto deportivo onde esta práctica está prohibida pola normativa.

Para rematar, a oposición non deixou pasar un erro cometido polo alcalde durante a sesión, cando afirmou que «Santiago é a capital de Santiago», lembrando que Santiago de Compostela é a capital de Galicia, considerando que unha equivocación deste tipo resulta impropia dun representante institucional.

Desde a oposición conclúen que o pleno volveu evidenciar un alcalde «máis preocupado por construír un relato político que por ofrecer explicacións convincentes aos veciños». Ao seu xuízo, a perda de subvencións, o deterioro das contas municipais, o estado de abandono dalgúns espazos públicos e determinadas decisións de goberno poñen en cuestión a capacidade de xestión do actual executivo municipal.