A Plataforma Ambulancia Medicalizada Costa da Morte chama á cidadanía a intensificar a presión social e política para reclamar un servizo de emerxencias medicalizado na comarca.

A Plataforma Ambulancia Medicalizada Costa da Morte lanza un novo chamamento á colaboración cidadá para reforzar a reivindicación dunha ambulancia medicalizada propia para a comarca, nun momento que considera decisivo para o futuro dos servizos de emerxencias sanitarias.

A coincidencia da campaña electoral coa elaboración dos novos pregos do servizo 061, que deberían entrar en vigor a partir de 2027, sitúa esta reivindicación nunha etapa clave. Desde a plataforma alertan de que é agora cando se deben intensificar as accións para conseguir que as necesidades da Costa da Morte sexan atendidas e teñan en conta na planificación dos recursos sanitarios.

A organización pide á veciñanza que aproveite calquera publicación relacionada coa política, independentemente do partido que a protagonice, para reclamar a implantación dunha ambulancia medicalizada na comarca. Tamén anima a trasladar esta demanda directamente aos representantes políticos en actos públicos, encontros ou conversas con alcaldes, concelleiros e outros cargos institucionais.

**“A Costa da Morte non esquece nin cala”** é a mensaxe que a plataforma quere facer chegar ás administracións, apelando á mobilización social como ferramenta para manter viva unha demanda que consideran fundamental para garantir unha atención sanitaria de emerxencia en condicións de igualdade.

Desde a plataforma aseguran percibir que a reivindicación está comezando a ter repercusión nos ámbitos institucionais e consideran que a presión cidadá está a dar resultados. Por iso, insisten na importancia de non baixar a intensidade das mobilizacións e de continuar facendo visible o problema.

A dispoñibilidade dunha ambulancia medicalizada na Costa da Morte é unha reivindicación vinculada á atención inmediata en situacións de gravidade, á capacidade de resposta ante emerxencias e á necesidade de garantir unha asistencia sanitaria adecuada nun territorio marcado pola dispersión xeográfica e as distancias.

A plataforma conclúe cunha mensaxe clara á cidadanía: **cada comentario, cada reclamación e cada voz conta. É o momento de facer máis ruído ca nunca para que a Costa da Morte non quede esquecida.**

**Ambulancia medicalizada para a Costa da Morte xa!**